Un equipo sanitario impartiu dous obradoiros, no CHUO e Ponte Vella, abertos a todo o mundo para ensinar a realizar esta manobra, que pode incrementar ata nun 40% as posibilidades de supervivencia.
Coincidindo co Día Europeo de Concienciación sobre o Paro Cardíaco, este venres día 16 de outubro un equipo médico do Servizo de Medicina Intensiva do CHUO ofreceu obradoiros de formación abertos ao público para amosar como realizar unha masaxe cardíaca. Pola mañá realizáronse na entrada do Complexo Hospitalario ourensán, e pola tarde na planta baixa do Centro Comercia Pontevella.
O obxectivo destes profesionais foi ensinar as técnicas básicas da reanimación cardiopulmonar ás ducias de persoas que se achegaron a xunto eles, xa que o 80% dos paros cardíacos prodúcense fóra dos centros médicos e o emprego precoz desta manobra pode elevar nun 40% as taxas de supervivencia.
Ante unha emerxencia deste tipo, ao comprobar que a persoa non respira nin responde a estímulos, o primeiro paso é chamar ao 061. E de seguido debemos iniciar a masaxe cardíaca: entrecrúzanse as mans e sitúanse no centro do peito ou esternón do paciente; a continuación, cos brazos en ángulo recto respecto ao corpo da vítima, empézase a comprimir o tórax cara abaixo, uns 4 ou 5 centímetros e cunha frecuencia de ao redor de 100 veces por minuto, mantendo as compresións de xeito regular e sen interrupcións, ata que chegue a axuda especializada, ou a vítima recupere a conciencia.
Desfibrilación
Cando estea indicada e se se dispón de desfibrilador, sería o terceiro paso a seguir, administrando ao corazón unha descarga eléctrica controlada, que reinicia a actividade cardíaca. E precisamente apoiando esta iniciativa do SERGAS estivo presente nestes obradoiros o pioneiro desfibrilador pediátrico deseñado pola empresa ourensá Equipamentos Sanitarios Castro, que é capaz de analizar o peso da persoa afectada (diferenciando se é un neno ou un adulto) e calcular a descarga exacta que se precisa en cada caso.
Por último, será o persoal sanitario o que finalmente empregue técnicas de reanimación avanzada, á súa chegada, e posteriormente no hospital.