O obxectivo é atender ás familias e persoas que máis dificultades económicas teñan e a quen máis o precise.
A Concellaría de Servizos Sociais de Barbadás porá en marcha un novo servizo para a veciñanza do concello, o Banco Solidario “Teu, Meu, Noso”, no que se pretende que as persoas interesadas poidan aportar “alimentos non perecedeiros, roupa, calzado, xoguetes…” que logo serían recollidas por aquelas familias que máis o precisen.
O responsable da área, Sarín Núñez, anunciou que “durante este mes estamos comezando unha recollida destas doazóns nos distintos locais sociais das nosas parroquias, para o que contamos coa colaboración das asociacións vVeciñais”.
Para a recollida deste material tamén se poñen a disposición da veciñanza os locais de Protección Civil, sitos no Ruxidoiro desde as 10:00 ata as 14:00 horas e das 17:00 ás 20:00 horas, de luns a venres.
Desde a Concellaría de Servizos Sociais, Sarín Núñez está negociando coas superficies comerciais a posibilidade de que poidan achegar determinados productos para incrementar a prestación do servizo.
Asemade estanse recollendo os datos daqueles voluntarios que queiran participar na atención deste Banco Solidario. Sarín Núñez prevé que en próximas datas se procederá á apertura deste novo servizo.