O partido entre o COB e Leyma Coruña disputarase o sábado -18.30h- no Paco Paz.

O Club Ourense Baloncesto agarda ao Leyma Coruña na terceira xornada da Liga. O partido cambia o día e o horario habituais e disputarase o sábado -18.30h- no Paco Paz. Será o primeiro derbi galego da tempada.
Dous son os partidos disputados en pretempada entre coruñeses e ourensáns. Os dous saldáronse con vitoria herculina (en Ourense na Copa Xunta e na Coruña no Teresa Herrera). A diferenza con este terceiro partido -este oficial- reside en que o COB non é o equipo de fai unhas semanas, sen a plantilla ao completo e con poucas sesións de adestramentos para a maioría dos xogadores. Agora, con tres semanas acoplándose e interiorizando as pautas ordenadas polo técnico, chegan crecidos depois da primeira vitoria.
 Pola contra, o Leyma chega co seu casilleiro de vitorias baleiro -derrota na casa contra Palencia (78-89) e en Melilla (86-72)-; se ben é certo que xogaron contra dous dos favoritos a todo nesta competición.

Motivación
Coa vitoria da pasada xornada fronte ao Cocinas.com, os ourensáns chegan ao derbi co depósito da motivación cheo. Ademais, teñen a necesidade de agradar ao seu público e amosar a evolución desde o último partido en casa fai 15 días. O Coruña, pola contra, chegará ferido e coa necesidade de sumar a primeira vitoria para saír da zona baixa da táboa.

Agbelese
O xogador do COB Danny Agbelese poderá xogar os primeiros minutos coa camiseta cobista no partido contra Coruña. O Consello Superior de Deportes deu o visto bo á documentación entregada polo conxunto ourensán para que lle tramiten a ficha.