Será este sábado 17 de outubro, a partir das 11 da mañá.
A Fundación Otero Pedrayo promove este sábado o roteiro literario «Trasalba, terra literaria. Unha viaxe a través da obra de Ramón Otero Pedrayo». Os interesados en participar nesta actividade, que é gratuíta, deberán presentarse ás 11 da mañá na porta do Pazo Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, Amoeiro. Desde alí, guiados por Susi González, guía do Pazo Museo, percorrerán os arredores, incluíndo o Pazo do Campo, Igrexa de San Pedro de Trasalba, A Fonteliña, A Bergueira, O Quintairo, Muíño do Ruzo, a vella tenda de Trasalba, Penedo Redondo, e souto.
Ao rematar, visitarase o Pazo Museo en Cima de Vila, onde o patriarca das letras galegas pasou longas temporadas desde a súa infancia até o seu pasamento en 1976.
Será esta unha xornada de convivencia para dar a coñecer a vida e a obra do escritor Ramón Otero Pedrayo, fondamente relacionadas con Trasalba. As veciñas e veciños de Trasalba terán a oportunidade de compartir cos asistentes os seus recordos sobre os lugares que se visiten.
O paseo deterase en diferentes lugares para realizar lecturas comentadas de fragmentos da obra do Otero Pedrayo. A través das cales, as persoas asistentes terán a oportunidade de comprobar a importancia que os veciños e os espazos de Trasalba tiveron na obra dun dos máis importantes escritores da literatura galega.