O PSOE tamén denuncia gastos de dietas sen xustificar do rexedor.

Alberto Dantas, portavoz do grupo socialista no Concello de Cortegada, denuncia que hai «máis de seis mil euros sen xustificar dos gastos en dietas do Alcalde no último ano da anterior lexislatura».

Nun comunicado, o socialista recolle que ante á súa pregunta formada no pleno do 17 de setembro en Cortegada sobre os gastos en dietas na pasada lexislatura, o alcalde, agora no PP, «negouse a subministrar ao grupo da oposición os xustificantes das mesmas, aportando soamente unha declaración xurada por un importe de pouco máis de oito mil euros, cando a liquidación total ascende a 14,215 euros,existindo polo tanto un desfase de máis de seis mil euros».

Ante esta falta de explicacións, o grupo socialista rexistrou dous días despois do pleno unha solicitude na que pedía a documentación correspondente aos pagos das dietas «sen que se ata o de agora se fixera entrega da mesma á oposición», polo que se volveu requerir o xoves día 15 de outubro.

Para Dantas,  esta actitude «ocultista e de desleixo» ás propostas ou preguntas formuladas polo grupo socialista vense repetindo dende que o Avelino de Francisco accedera o pasado mes de maio á Alcaldía do Concello de Cortegada como cabeza de lista do Partido Porpular.