A Concellería de Asuntos Sociais oferta 843 prazas en 18 actividades diferentes.

 

O Auditorio Municipal acolleu este luns a presentación do Programa de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia para o curso 2015-2016. As actividades, 18 en total, están dirixidas a maiores de 60 anos empadroados no concello de Ourense, e ofertan 843 prazas. “Trátase dun programa deseñado coa sensibilidade de quen está en contacto con vós e sabe das vosas necesidades”, dixo o alcalde, Jesús Vázquez, en referencia á área de Asuntos Sociais. Non en van, “unha boa porcentaxe da nosa poboación, practicamente un de cada tres veciños desta cidade -31.818- ten máis de 60 anos”, dixo.

Os cursos, entre os que destacan os de pilates, dos máis demandados, abranguen actividades coma a pintura, a informática, a estimulación da memoria ou a natación, e son completamente gratuítos. A día de hoxe hai 739 persoas (577 mulleres e 162 homes) apuntados a participar nestas actividades, das que 136 o fan por vez primeira. Tendo en conta que cada persoa pode anotarse en máis dun curso, a concellería de Asuntos Sociais formou 38 grupos para o desenvolvemento das actividades.

Nunha presentación que contou cunha numerosa presenza de persoas anotadas nos cursos e coa actuación ao vivo do cantante Marcos Pardo -representante de Ourense no programa Recantos do Luar da TVG-, o alcalde apelou á necesidade dos nosos maiores de seguir formándose e manterse activos: “Nunca deixamos de aprender porque nunca deixamos de ser útiles, porque Ourense é unha cidade na que todos somos importantes”, manifestou.