Será este 21 de outubro ás 19:30 horas no Edificio Multiusos do Concello do Barco de Valdeorras.
O escritor e xornalista José Antonio Gurriarán presentará este mércores 21 de outubro, ás 19:30 horas, no Edificio Multiusos do Barco de Valdeorras o libro “As mulleres do monte”, sobre o papel das mulleres no maquis. Acompañarano Alfredo García e Margarida Pizcueta, alcalde e concelleira de Educación e Cultura de O Barco; Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses; Santiago Macías, fundador da Asociación para a Rercuperación da Memoria Histórica; e Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia.
As mulleres do monte é o resultado da busca de testemuños e documentos realizada durante varios anos polo xornalista ourensán, investigación que iniciou para completar as lembranzas da súa infancia no Barco de Valdeorras, onde eran frecuentes os enfrontamentos entre forzas policiais e guerrilleiros, popularmente coñecidos como fuxidos ou «os do monte». Gurriarán descubriu, dese xeito, o importante papel das mulleres no maquis, fornecendo refuxio e apoio aos fuxidos. Moitas desas mulleres levaban practicamente o peso do Servicio de Información da República. Hoxe cóntanse cos dedos dunha man as mulleres do monte que permanecen con vida.