O xurado destacou dela que foi a promotora e presidenta da Fundación “Eduardo Barreiros”, dedicada á perpetuación da memoria do impulsor da industria do automóbil na España de mediados do século XX. A entrega do premio será o 11 de novembro.

 

A presidenta da Fundación “Eduardo Barreiros”, Mariluz Barreiros, ven de ser recoñecida co Premio «Ourensanía 2015», un galardón que concede a Deputación como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O xurado baseóuse na súa decisión en que é “filla do exemplar empresario ourensán Eduardo Barreiros Rodríguez, como promotora e actual presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, dedicada á perpetuación da memoria do seu pai no rol de impulsor da industria da automoción na España de mediados do século XX, así como ao fomento da investigación no campo da tecnoloxía do automóbil, ademais de á difusión cultural de todo canto ten que ver co mundo do motor, exemplo do cal son o premio bianual “Eduardo Barreiros”, a creación de bolsas de estudos de postgrao relacionadas coa enxeñería do automóbil ou o Museo “Eduardo Barreiros”, situado en Valdemorillo (Madrid) e que pasa por ser a primeira mostra monográfica dedicada a unha figura relevante do mundo da automoción en España”.

O xurado desexa personalizar en Mariluz Barreiros a toda a familia Barreiros Rodríguez, incluíndo nela á súa nai Dorinda Ramos -tamén ourensá- e aos irmáns de Eduardo, Valeriano, Graciliano e Celso, orixinarios da parroquia de San Miguel do Campo (Nogueira de Ramuín) “onde Eduardo comezou a despuntar moi novo como un admirable emprendedor adiantado ao seu tempo e con cuxa actividade chegou a fomentar a creación de 25 mil postos de traballo directos e a xerar máis de 100 mil empregos indirectos”, destacaron.

A entrega do galardón terá lugar no Teatro Principal de Ourense o 11 de novembro, día de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da ourensanía, e contará cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación entregaralle á premiada unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da presente acta, que dá fe do premio.