O Programa Leader 2014-2020 prevé unha redución de 10 en toda a comunidade.

No programa Leader 2007-2013 en Galiza existían 31 Grupos de desenvolvemento rural constituídos e en funcionamento, atendendo ás características socioeconómicas do territorio e á necesidade de favorecer a participación social en ditos grupos. Sen que se teña feita, a xuízo do Bloque Nacionalista Galego, ningunha avaliación do seu funcionamento e do grao de cumprimento dos obxectivos fixados e dos proxectos impulsados desde cada ámbito territorial e dunha forma absolutamente arbitraria, nas bases reguladoras do novo programa Leader 2014-2020 prevese unha drástica redución
do número de grupos. A previsión é que existan 21 grupos en Galicia, “que nalgúns casos abarcan ámbitos territoriais inmensos e disparatados sen ningún tipo de criterio nin coherencia comarcal, social nin económica”, reclaman dende o BNG.

No que atinxe á realidade ourensá, a demografía, a taxa de envellecemento, taxa de natalidade, densidade e dispersión da poboación, “fan prever unha realidade desoladora de non mediar medidas contundentes”, aseguran.  As previsións a 10 anos son dunha perda de máis de 30.000 habitantes (o 10% da provincia de Ourense) tendo en conta que no ano 2014 a poboación era de 318.235. E que as persoas maiores de 55 anos (xubilados ou que o farán nos vindeiros 10 anos) acadan o 51%. “Estes datos demográficos deberan marcar claramente cara a onde deberamos investir os esforzos en desenvolvemento rural, incrementando o apoio nas zonas onde o declive demográfico é o gran reto”, comentan os nacionalistas.

Por iso, entenden que reducir o número de grupos, afastar a xestión da poboación, facer grupos con maiores realidades “non incide precisamente nese camiño”. Pola contra, “opera claramente no sentido de dificultar a participación e as grandes distancias e ámbitos territoriais dos grupos fará imposíbel o traballo centrado no territorio, a pé da realidade”.

Así, apostan polo mantemento duns grupos “que tivesen coherencia e continuidade co anterior período, o que facilitaría e aceleraría a súa implantación”. E como consecuencia da intención da Xunta, o BNG avanza que formulará iniciativas ao respecto tanto nos concellos, como na Deputación e no Parlamento Galego.