Entrega de Premios Mercurio da Federación de Comercio

A Federación de Comercio de Ourense entregou a primeira edición dos Premios Mercurio nun acto este mércores no Centro Marcos Valcárcel.

Como conclusión ás xornadas “Ourense é comercio”, a Federación de Comercio de Ourense celebrou este mércores a gala de entrega dos primeiros Premios Mercurio no centro cultural Marcos Valcárcel. Neste acto os comerciantes rendiron homenaxe e recoñecemento a persoas, colectivos e profesionais destacados na súa relación coa actividade do sector na provincia. Catorce foron designados polas asociacións e outros oito foron elexidos por un xurado específico. Todos eles recibiron unha praca conmemorativa que recreaba o «mercurio», unha das moedas máis antigas das que se ten coñecemento na cidade.

Premiados

O xurado da Federación de Comercio de Ourense decidiu entregar os seguintes galardóns: á Sensbilidade social co comercio a Maribel Outeiriño, á Institución pública ou privada a Caldaria; ao Colectivo social, á Asociación Española contra o Cancro de Ourense; a Unha vida, un exemplo, a Julio Rivera Rodríguez; á Innovación comercial, a Bouso Interesport; ao Medio de comunicación ou xornalista a Antonio Nespereira; ao Compromiso co asociaciionsimo a Rosario López García; e finalmente á Embaixadora do comercio ourensán a Cristina Pato.

Canto aos premiados polas asociacións integradas na Federación de Comercio, por CCA Ourense Centro premiouse a Camila Deprado de Colchonería Rimo; o CCA Ourense Norte a Roberto Salgado de Ferretería Salgado; o CCA Couto Centro a Antonio Piña de Viaxes Piña; a Asociación de Perruquerías e Salóns de Beleza a José Manuel Fernández de Manuel Peluquero; a asociación da Praza de Abastos nº 1 a Amalia Mosteiro de Queixos Amalia. Ademais, a Asociación de Xoierías, Praterías e Reloxerías, a Cándido J. Espino de Joyería Espino; a Agrupación Provincial de Libreiros a Emilio Fernández pola súa traxectoria na libraría Betel; a Asociación de Confiterías e Pastelerías a María Belén Rodríguez, de confitería Arva; a Asociación de Ortopedias de Ourense a título póstumo a Balbino Rodríguez de Ortopedia San Lázaro.

Polo que ten que ver coas asociacións das vilas, a de Xinzo galardoa a Odilo Novoa de Muebles Las 3BBB; AEVER de Verín a Rodolfo Salgado de La Factoría; o CCA do Carballiño, a Manuel Otero de Orcellón; o CCA O Barco Aberto á súa primeira presidenta, Pilar Delgado; e finalmente os Establecementos Asociados do Ribeiro á Fundación Festa da Istoria.

Ao acto acudiron, ademais dos presidente das federacións ourensás e galegas de comercio, Aurelio Gómez Villar e José María Seijas, respectivamente, a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez, o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, entre outras autoridades.