O Concello solicitou ao departamento autonómico que dirixe Alfonso Rueda maior dotación de vehículos para Protección Civil.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo este luns no Concello de Ourense, onde visitou, acompañado polo alcalde, Jesús Vázquez, o segundo andar do edificio, no que ambas as dúas administracións realizarán reformas urxentes. Alí comprobaron a “situación bastante deplorable” deste espazo, en palabras do rexedor, malia tratarse dun edificio histórico. De aí que Vázquez agradecera a implicación do vicepresidente da Xunta para posibilitar que houbera unha partida económica para iniciar os traballos xa este ano. Segundo o acordado entre ambas entidades, habilitarase unha partida de 60.000 euros, da cal a Xunta porá 48.000 euros.
Alfonso Rueda explicou que a Xunta durante moitos anos, adicou partidas ás remodelacións e novas contrucións de casas consistoriais, destinadas a paliar o deterioro nas mesmas e que “requiren actuacións urxentes como a que precisa o segundo andar do Concello de Ourense”.
Pola súa banda, Jesús Vázquez dixo que a remozada estancia dará cobertura aos funcionarios que desempeñan actualmente o seu labor neste andar, creando, posiblemente, unha nova sala de reunións.
“Daremos a coñecer proximamente un plan de reordenación dos espazos municipais, cun plantexamento serio que permita aforros importantes, co fin de acomodar as áreas municipais aos espazos públicos. Por iso se plantexará unha reordenación e reubicación de diferentes dependencias”. Deste plan, o alcalde avanzou que considera que “os servizos centrais deben de estar no edificio central”, recordando que, agora, por exemplo, a asesoría xurídica non está ubicada na casa consistorial.
Cooperación institucional para formación
Durante o transcurso da reunión entre o alcalde de Ourense e o vicepresidente da Xunta, Jesús Vázquez puxo de manifesto a necesidade de reforzar a cooperación institucional como algo fundamental. “Sigue sendo máis necesaria que nunca, de ahí que dende o Concello se lle trasladou ao vicepresidente da Xunta a cooperación no eido da formación para os empregados públicos, habida conta que hoxe mesmo entra en vigor a Lei de Transparencia e é precisa formación específica nos concellos para a súa aplicación”. Así, o Concello solicitou a sinatura dun acordo marco e cursos específicos da Xunta, dirixidos á Administración Local, para reforzar as competencias profesionais dos empregados públicos, co fin de prestar un mellor servizo aos veciños de Ourense nos seus trámites administrativos no Concello.
Ademáis, o alcalde de Ourense trasladoulle ao vicepresidente da Xunta a necesidade de que o Concello dispoña dunha maior dotación de vehículos para Protección Civil, co fin de que esta agrupación conte con máis e mellores medios para desempeñar o seu labor..