O encontro terá lugar na aula CeMIT da Casa da Xuventude entre as 16 e as 19 horas.

 

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio celebra este mércores 21 o noveno dos 12 obradoiros participativos que forman parte do proceso de participación pública para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia. O obradoiro terá lugar na auga CeMIT da Casa da Xuventude de Xinzo entre as 16 e as 19 horas.

Estes obradoiros teñen como obxectivo recoller a valoración, a opinión e o coñecemento da poboación local sobre a paisaxe. Con esta fin celebrarase un obradoiro práctico en cada unha das 12 áreas paisaxísticas de Galicia, aos que poderá asistir calquera persoa que así o desexe sen máis que inscribirse por correo electrónico (atlaspaisaxe.iet@xunta.es) ou por teléfono (981541755/ 981541756).

O programa do obradoiro de Xinzo inclúe a presentación do proxecto do Catálogo de Paisaxes de Galicia, o debate sobre a paisaxe en Galicia e tres sesións prácticas de traballo destinadas á localización de lugares de especial interese paisaxístico, á caracterización da paisaxe da área e á identificación de áreas cunha paisaxe degradada. Asemade, incluirá unha saída a campo para visitar algúns dos lugares de interese paisaxístico identificados polos participantes do taller.

Nas sesións prácticas empregarase unha plataforma web (https://sixot.es/catalogospaisaxe) que permite a identificación no mapa das tres cuestións anteriormente mencionadas. Esta plataforma estará aberta para calquera usuario durante os meses de setembro e outubro, permitindo a participación no proceso a calquera persoa que desexe colaborar e non poida asistir aos obradoiros.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio premiará a participación da cidadanía na elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, con estancias en casas rurais das 12 grandes áreas galegas.