Destacan a perigosidade do itinerario en Benposta e Seixalbo por transcorrer por estrada.
O grupo municipal Ourense en Común analiza estes días a posibilidade de instar en pleno mediante moción á administración competente en materia de Patrimonio e xestión do Camiño de Santiago para mellorar a súa seguridade e atractivo turístico. “A inseguridade dos peregrinos no acceso ao concello en Benposta e Seixalbo é alarmante debido ao itinerario compartido coa estrada OU-105”, explican. Esta foi unha das demandas recollidas na asemblea destes barrios e que Ourense en Común comprometeuse a solucionar. Así foi que esta medida aparecía recollida no seu programa electoral e agora estuda presentar no próximo pleno para solicitar o apoio do resto da corporación.
A proposta pretende, ademais, alertar do deficitario estado dos sendeiros e rotulado, así como propoñer un novo itinerario que achegue a riqueza termal e patrimonial de Ourense aos peregrinos. Dende Ourense en Común afirman que “as cidades de peregrinación foron en si mesmas un camiño, e dependendo do destino interno este variaría, polo que non existiría un único itinerario”. Este grupo municipal está convencido de que “o Camiño de Santiago a día de hoxe é un verdadeiro referente do turismo internacional”, polo que propoñen aproveitar o seu itinerario para mostrar aos visitantes o potencial patrimonial da cidade.