Presentación do Outono Fotográfico

A cidade acolle 41 exposicións fotográficas ata o mes de decembro.

 

Falar de outono en Ourense implica falar do Outono Fotográfico. O decano dos festivais de fotografía da península foi presentado este martes no Liceo de Ourense, nun acto no que estiveron presentes os seus organizadores, o Proxecto Fundación Benito Losada, e representantes das entidades patrocinadoras: Concello, Deputación, Xunta e Universidade de Vigo.

Nesta 33ª edición (a quinta sen Benito Losada á fronte), o festival galego de fotografía programa entre outubro e decembro 87 exposicións de 208 fotógrafos espalladas por 22 localidades galegas e do norte de Portugal. Ourense segue sendo o “músculo principal” do certame, segundo resaltaba o alcalde, Jesús Vázquez. E é que 41 das mostras poderán verse este trimestre na capital ourensá, en espazos como o campus, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Espazo Xove, o Museo Municipal, os centros cívicos, galerías privadas, sociedades culturais e recreativas ou outros espazos.

A proposta desta edición xira ao redor do lema “Estamos a chegar” e combina obras de artistas consagrados, coma Vari Caramés ou Manuel Sendón, e outros novéis. Canto á sección oficial, que engloba 25 mostras, a temática elixida este ano é a de “Periferias”. Vítor Nieves, coordinador da programación, xustificaba esta elección: “traballar en Galiza na arte é o suficientemente periférico como para elixir esta temática”. Nesta sección enmárcanse os traballos dos gañadores das catro edicións do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que concede o Outono Fotográfico.

Exposicións na cidade de Ourense
O Concello de Ourense pon a disposición do público catro espazos expositivos: o Museo Municipal da rúa Lepanto, que nos achegará aos problemas das mulleres na India, “Substantivo feminino”, os “Espantallos” de Manuel Sendón ou contrastes entre os brancos e os negros das propostas de Iván Merayo e Berto Macei. Tamén haberá Outono Fotográfico nos centros cívicos da Cuña (con mostras do colectivo Potiños) e A Ponte, onde se exporá a nova colección fotográfica do Clube Alpino ourensán. O Auditorio será o cuarto espazo expositivo municipal, coa presenza da obra “Miradas do presente ou pegadas do pasado?”, traballo do colectivo ourensán Fotosíntese.

No que se refire ao campus universitario, acollerá nove exposicións, entre elas as obras do XII Certame de Fotografía da Universidade de Vigo. Estarán distribuídas entre os edificios de Ferro e Politécnico, a biblioteca e mesmo espazos exteriores como o estanque do campus norte. “As mostras teñen a auga como leitmotiv”–explicaba o vicerreitor, Virxilio Rodríguez- para transmitir a idea “de que somos un campus que estamos a traballar ao redor da auga, tamén desde un punto de vista artístico e cultural”.

Tamén haberá tres exposicións no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, dúas na Casa da Xuventude, seis en galerías de arte, e 11 noutros espazos expositivos.

Cursos de fotografía, encontros con autores, rutas fotográficas polo outono e exposición e venda de libros de fotografía completan a proposta deste Outono Fotográfico. Unha 33ª edición que conta cun orzamento de 26.600 euros, achegado polo Concello de Ourense (15.500 euros entre as áreas de Xuventude e Cultura), 5.100 da Deputación de Ourense, 4.000 euros da Universidade de Vigo e 2.000 euros do Concello de Santiago.

Pode consultarse toda a programación en http://outonofotografico.com/.