Alcalde de Ourense e reitor da Universidade de Vigo

Primeira visita institucional do reitor Salustiano Mato ao novo rexedor, Jesús Vázquez.

 

Aumentar a implicación entre Concello de Ourense, cidade e campus universitario foi o obxectivo da primeira reunión institucional entre o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o alcalde, Jesús Vázquez.

Logo da xuntanza no consistorio ourensán, na que tamén participaron o vicerreitor Virxilio Rodríguez e o concelleiro de Infraestruturas Pepe Araújo, o reitor explicou que “o Concello de Ourense é o mellor vehículo para chegar á cidadanía” e con el “estamos definindo unha axenda de traballo a curto, medio e longo prazo que nos permita poñérmonos ao día, elaborar un futuro e mergullar cada día máis ao campus na cidade”. Mentres, o alcalde salientou o seu desexo de traballar “para tender pontes de colaboración” entre as dúas institucións e conseguir “unha maior converxencia en todos os ámbitos”.

Durante a reunión afondouse en temas como actuacións na contorna urbana do campus, a aplicación do convenio entre ambas entidades asinado en 2009, a colaboración do concello nos actos do 25º aniversario da Universidade de Vigo, que se conmemora neste 2015, ou impostos locais.

Nesta primeira visita, o reitor quixo agradecer ao alcalde “o recoñecemento e o apoio que ten para a Universidade” e recalcou o reto común de “mellorar a situación do campus”, de “conectalo coa cidade” e de continuar traballando para “que sigamos sendo motor” de Ourense.

Pola súa banda, Jesús Vázquez subliñou a importancia de abrir máis a canle de relación universidade-sociedade nas dúas direccións e de “manter unha conexión directa, case diaria” entre as dúas institucións pois, apuntou, a Universidade está presente na vida da cidade en moitos aspectos.

Situación da residencia universitaria
A preguntas dos xornalistas sobre a reapertura da residencia universitaria, o rexedor explicou que se están a dar “pasos decididos” para que “en breves meses” haxa “noticias favorables” e a instalación volva abrir. Na actualidade estase executando a urbanización da área de reparto na que se ubica a residencia, así como os trámites legais oportunos, e o Concello asume o papel de “árbitro entre as partes (a xunta de compensación co promotor denunciante dunha banda e a adxudicataria da residencia doutra), tratando de poñer sosego e pensando en favorecer a propia cidade”.

A residencia, que xestiona a adxudicataria Siresa Campus, leva pechada temporalmente desde verán de 2014, obrigada por unha sentenza xudicial por irregularidades na concesión da licenza. O remate das obras de urbanización permitirá conceder nova licenza ao recinto.