O alcalde de Ourense recibiu de mans do director da empresa concesionaria Viaqua, Julio Masid Bande; así como da responsable da empresa Tüv Rheinland (entidade que expide a certificación), Almudena Bouza, a certificación ISO 22.000, que en Galicia só posúen, ademáis de Ourense, Pontevedra e Santiago.
Ourense conta cunha das augas para consumo humano máis saudables de Galicia e de España segundo o acredita a certificación de calidade ISO 22.000 que recibiu o Concello da empresa TÜV Rheinland encargada de expedir este certificado internacional.
Esta certificación recoñece tanto a calidade da auga que se subministra á poboación, garantindo a súa salubridade de acordo cos criterios aplicables á industria alimentaria, como todo o proceso de produción da auga urbana (tratamento, almacenaxe e distribución) que ven levando a cabo Viaqua, a empresa xestora do abastecemento municipal de auga na cidade.
Para conseguir este recoñecemento a empresa concesionaria incorporou os sistemas e métodos de control máis eficaces coa finalidade de lograr a inocuidade da auga ao longo das diferentes etapas do abastecemento, desde a súa captación ata o subministro aos consumidores.
A responsable da empresa TÜV Rheinland, Almudena Bouza, entregou ao alcalde, Jesús Vázquez, a acreditación que avala a máxima calidade da auga para consumo humano, nun acto celebrado no salón de plenos do Concello, no que tamén estivo presente o Director de ViAQUA, Julio Masid Bande, e a xerente da empresa en Ourense, Ana Tejeiro Sandomingo, así como o concelleiro de Infraestruturas, José Araújo.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, calficou como unha excelente noticia “que se nos recoñeza a calidade da nosa auga, do noso ben máis prezado, é algo do que nos temos que sentir orgullosos. E dende aquí teño que dar as grazas á empresa concesionaria, Viaqua, que incorporou os sistemas e métodos de control máis eficaces co fin de garantir a calidade da auga ao longo das diferentes etapas do abastecemento: dende a súa captación ata o suministro aos consumidores, ás billas de cada fogar ourensán. Dende hoxe, Ourense pertence ao selecto clube de cidades galegas que contan con este recoñecemento de calidade, xunto a Pontevedra e Santiago de Compostela”.
ETAP de As Coiñás
O alcalde tamén anunciou que a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da Coiñás está comezando arrancar os equipos, realizando traballos de captación de auga do Miño e próximamente comenzará a suministrar auga potable.