Consideran un «clamoroso» agravio comparativo en detrimento dos municipios de menor tamaño poboacional. O PP defende que a Deputación atende «sen distincións» aos 92 concellos.

Alcaldes socialistas da provincia mantiveron este martes 20 de outubro unha reunión co seu voceiro na Deputación, Ignacio Gómez, no que trataron a decisión do ente provincial de apoiar economicamente ao Concello de Ourense con 100.000 euros, que permitirá a este desbloquear o seu Plan de Investimentos.

Como declarou Gómez, “non estamos en contra de financiar calquera Concello do tamaño que sexa, pero cada institución debe adicarse ao que as súas competencias indican”. O socialista subliña que a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local establece entre as competencias propias das Deputacións as de asistir e ofrecer cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, en especial a aqueles de menos de 20.000 habitantes. «Destacamos isto porque o Concello de Ourense, está lonxe de formar parte do grupo de concellos con menor capacidade económica, xa que os seus Orzamentos propios superan nun 25% aos da Deputación».

O voceiro socialista reiterou que «non nos opoñemos a que se desbloquen inversións ou obras, pero sempre dentro das competencias propias de cada institución e neste caso, o apropiado sería solicitar a axuda e cooperación da Xunta de Galicia».

Por isto, os rexedores do PSOE denuncian «a anormalidade de que, namentres os pequenos e medianos Concellos de Ourense se vén afogados económica e financeiramente, o Concello de Ourense capitalice tal despregue de axudas dunha entidade concebida para axudar aos entes locais con menor capacidade». Unha situación que se engade ao que denominan «permanentes agravios que sofren os Concellos que non son ‘amigos’ da Deputación por razóns de afinidade ideolóxica».

Resposta do PP

Con respecto a estas declaracións, o grupo provincial do PP amosouse «sorprendido» porque «os propios socialistas, nos pactos de goberno co BNG nas outras deputacións galegas, acordaron que estas institucións ‘realizarán plans xenéricos para os concellos de menos de 50.000 habitantes’, cunha mención expresa ás actuacións en cidades de máis de 50.000 habitantes». É dicir, salienta o grupo provincial popular, o mesmo marco de cooperación que vén de impulsar a Deputación de Ourense co concello da capital, “polo que é incomprensible que noutras provincias defendan un modelo de colaboración que aquí, na única institución provincial que non gobernan, rexeitan e denuncian».  Na comisión de cooperación e medio rural deste mércores o representante socialista votou en contra do citado convenio, salientaron desde o PP..

Os populares engadiron que a Deputación provincial «atende, sen distincións, aos 92 concellos da provincia e, por suposto, entre eles o municipio da capital», polo que o grupo provincial do PP considera «inadmisible» que os socialistas digan que “o apropiado sería solicitar axuda e cooperación da Xunta de Galicia”.