Deputados do PP

Os deputados ourensáns do PP destacaron que se trata dos primeiros orzamentos “expansivos” trala crise.

 

Os seis deputados ourensáns no Parlamento galego compareceron este mércores ante os medios de comunicación para valorar os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano que vén. A encargada de detallalos, a parlamentaria Cristina Romero, cualificounos como os primeiros orzamentos “expansivos” logo da crise, pois crecen en 430 millóns cn respecto aos de 2015. En concreto, o investimento é de 688 euros por ourensán (a segunda con maior inversión tras Lugo), un dato que para a popular pon de relevo o compromiso da Xunta de Galicia por avanzar no equilibrio territorial”.

Para a provincia de Ourense as contas reservan 219 millóns de euros, dos cales 44 millóns son para investimentos na capital. Preguntada por se se trataba dun “mimo” co único goberno do PP nunha gran cidade galega, Romero negouno, e atribuiu este desembolso na cidade das Burgas ao traballo “intensísimo” de Jesús Vázquez á fronte do consistorio, presentando novos proxectos, “do que estaba falto o Concello de Ourense nas últimas dúas lexislaturas”.

Reparto por consellerías
No reparto por consellerías, a que máis investirá na provincia será Infraestruturas, con 59,8 millóns. Nesta área destacan investimentos como a conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa autovía A-52 (1,2 millóns), a nova ponte sobre o Miño nos Peares (1,9 millóns), a rehabilitación da ponte do Milenio (600.000 euros), a restauración da ponte romana (300.000 euros), e a estación intermodal de Ourense (300.000 euros).

Séguelle en inversión Medio Rural, con 59 millóns de euros, dos cales sete se destinan 12, 9 millóns a modernización e diversificación do tecido produtivo rural infraestruturas e 7,1 millóns a equipamentos no rural. Non aparece partida específica para os regadíos da Limia, malia ser un proxecto longamente demandado e prometido.

Sanidade achega outros 26,7 millóns, sendo a partida máis grande os 18,5 millóns reservados para as obras da ampliación do hospital de Ourense. Outros tres millóns serán para construción de centros de saúde: dous millóns para o de Barbadás e o resto para os de Ourense, Pereiro de Aguiar e Pontedeva.

Educación contribúe con 13,2 millóns, con partidas significativas como os 2 millóns para o Campus da Auga e 411.000 euros para a ampliación da Escola Oficial de Idiomas de Ourense.

A nova consellería de Política Social destina 1,9 millóns, un tercio dos cales van para a promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia para persoas con discapacidade e persoas maiores.

Economía, Emprego e Industria achega á provincia de Ourense 14,1 millóns, Medio Ambiente e Territorio con 4,6 millóns, e Vicepresidencia 14,3 millóns. O departamento que dirixe Alfonso Rueda dedica 4,8 millóns de euros para o edificio xudicial de Ourense, xa en funcionamento desde inicios de 2015. “Entendo que son para pagos que quedan pendentes”, atribuiu esta forte inversión a deputada popular.

2 millóns para o Plan Termal
Cristina Romero tamén quixo resaltar que para medidas relacionadas co Plan Termal “hai case dous millóns de euros”, e que se non aparece consignado como unha única partida é porque se trata dun plan de carácter transversal, que financian varias administracións e ten investimento público e privado.

Romero estivo acompañada polos deputados Moisés Blanco, Antonio Mouriño, Marta Rodríguez -Vispo, Antonio Mouriño, Jackeline Fernández e César Fernández.