Convenio entre Universidade de Vigo e Subdelegación do Goberno

Alumnado do Grao de Dereito e de Traballo social do campus de Ourense realizará prácticas na Subdelegación do Goberno.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, presentaron este xoves o Convenio de Cooperación Educativa entre a Administración Xeral do Estado (Ministerio de Facenda e Administracións Públicas) e a Universidade de Vigo para a realización de prácticas académicas externas por parte dos estudantes da universidade na Subdelegación do Goberno en Ourense. Ámbolos dous estiveron acompañados polo secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, pola vicedecana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez e polo vicedecano da Facultade de CC. da Educación, Xosé Manuel Cid, que explicaron os pormenores do convenio asinado.

Este convenio ten por obxecto a realización de prácticas académicas externas na Subdelegación do Goberno en Ourense por parte de alumnos matriculados no Grao de Dereito e de Traballo social, que se imparten no Campus de Ourense da Universidade de Vigol.

O subdelegado do Goberno considera que «este convenio supoñerá unha experiencia enriquecedora para os estudantes no que se refire á súa preparación como futuros xuristas e traballadores sociais, e para os empregados públicos que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario»>.

A Subdelegación do Goberno en Ourense acollerá a un máximo de catro estudantes do Grao de Dereito e un de Traballo social da Universidade de Vigo durante un período de tempo de 100 horas, responsabilizándose da súa formación durante a súa estancia. Os obxectivos educativos das prácticas teñen como finalidade favorecer a adquisición de competencias dos alumnos para o exercicio das actividades profesionais relacionadas cos seus estudos, obter unha experiencia práctica que facilite a inserción no mercado de traballo e mellore a súa condición de emprego futura e favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento.