O Museo Municipal de Ourense arranca coa programación da Sección Oficial do festival cunha mostra da artista alemá que expón por vez primeira no Estado español.
Logo de percorrer os máis exitosos festivais de fotografía e museos do mundo onde alcanzou importantes premios, Catrine Val estivo en Ourense para nos presentar as súas “crónicas do Loto” particulares. O corpus de “Philosophers, The Lotus Chronicle” inxírese baixo a rúbrica conceptual da filosofía e traza un percorrido fotográfico a través das páxinas da historia, literatura e metafísica hindú para empoderar ás mulleres.
O ensaio fotográfico exposto até o 15 de novembro no Municipal trata de facer un estudo sobre a situación das mulleres na India, para o que a artista se implica con elas, acadando un grao de relacionamento que é palpábel nas imaxes que crea. «Catrine leva anos a traballar coas mulleres hindús, e chega a esta última serie fotográfica ao descubrir o esforzo de moitas para recuperar certas filosofías hinduístas moi minoritarias e que estaban a desaparecer, practicadas exclusivamente por mulleres e polo terceiro xénero ou hijra (aceptado común e tradicionalmente na India)» asegurou Vítor Nieves, comisario da exposición. A artista alemá retrátaas en situacións cotiás para confrontar estas imaxes coas que escenifica nos procederes propios do pensamento e espiritualidade que elas defenden.
“Philosophers, The Lotus Chronicle», é unha mostra feita ex profeso para o festival, que este ano traballa coa temática da Periferia. Por iso se selecciona o traballo de Val, polo seu forte carácter periférico. Segundo Xosé Lois Vázquez, director do festival, «a artista alemá traballa en periferias concéntricas: nun país invisibilizado, con correntes de pensamento inexistentes para occidente e con filósofas que no seu propio país, polas estructuras de poder e diferencias sociais, viven entre a luita e a clandestinidade».
Pola súa banda, Catrine explicou que fotografa ás mulleres coa alma, «fuxindo do que se coñece como documental, que non é máis que un xeito occidentalizado que responde a rutinas consumistas». Trata de fotografar o interior, sen ollar a xuventude ou vellez, sen percibir a beleza que responde a cánones estéticos, e sen importarlle de qué casta veña cada muller.
No acto de presentación tamén estivo Belén Iglesias, concelleira de Cultura de Ourense, que falou do Outono Fotográfico como «un referente cultural de primeiro nível que proxecta a imaxe de Ourense» destacando o patrocinio do Concello neste festival.