Ambos partidos destacan o comportamento electoralista do Goberno popular.

 

A deputada do BNG Tereixa Paz vén de facer unha valoración dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2016 no que respecta á provicia de Ourense. Para a nacionalista estes orzamentos “mantéñennos no ostracismo orzamentario e no esquecemento económico e de proxectos”, xa que, destaca, “desparecen” deles calquera tipo de axuda para mellorar infraestruturas importantes para a cidade como é a Praza de Abastos, o xardín das burgas, a antiga cadea e o saneamento do Barbaña.

Paz tamén fai fincapé na falla de investimentos en termalismo, na estrada Ourense-Trives, o regadío da Limia ou servizos para maiores e dependentes (neste último senso só figura a construción dun centro residencial en Vilardevós). Proxectos que en anos anteriores si entraban nos plans económicos do Goberno galego.

Así mesmo, a deputada do BNG non logra entender as cifras dadas polo PP en canto a actuacións a ralizar na ciade de Ourense, por valor de 40 millóns de euros, e na provincia, por valor de 219 millóns. Pola contra, os nacionalistas só atopan nos orzamentos 26 millóns de euros de “investimentos reais”, dos cales, sinalan, 18,5 están destinados a continuar coa construción do novo edificio de hospitalización do CHUO. “Por fin hai unha aposta por rematar con esa fase”, considera Paz, pero cre que “hai outras necesidades no ámbito sanitario na provincia que non teñen reflexo orzamentario, como os dous hospitais comarcais, de Valdeorras e Verín”, destaca.

Esta difrencia nos datos é explicada polos nacionalistas porque, segundo eles, o Partido Popular computa como inversións para 2016 “os 5 millóns de euros que temos que pagarlle á Sociedade Pública de Investimentos por ter feito o edificio xudicial, os 4,8 millóns que temos que pagar pola realización da autovía Ourense-Santiago ata o alto de Santo Domingo, ou o canon pola utilización da autovía a Celanova; así como a parte proporcional que se gasta en Ourense dos 109 millóns de euros do dispositivo de loita contra o lume, da campaña de vacinación contra a gripe, en equipamentos informáticos, etc”.

En canto ao cheque bebé, Paz teno claro: “trátase dunha medida electoralista”, como demostra “que nin sequera aparece na memoria ca consellería de Política Social, a consignación é de 9 millóns de euros, e tendo en conta que van ser 1.200 euros ao ano por neno só da para 8.200, -mentres en Galicia nacen entre 19.000 e 20.000- e só estará operativa no ano 2016,”. “Lamentamos que Ourense sexa a gran esquecida da Xunta nestes orzamentos”, conclúe.

Ourense en Común
Pola súa parte, dende Ourense en Común destacan o “uso discrecional e partidista que o Partido Popular fai do erario público”. “Os mesmos que criticamos no pasado a marxinación do concello de Ourense na Xunta non podemos agora celebrar un aumento na inversión autonómica por afinidade e interese electoral aínda que resultemos beneficiados”, sinalan.

Así, o grupo municipal Ourense en Común quere deixar claro “o malestar desta organización co modo de xestionar os recursos públicos por parte dos partidos políticos tradicionais que antepoñen os seus intereses ao beneficio común”. E denuncian a “política de asfalto por votos practicada polo PP”.