O sindicato acusa a Eloína Núñez de dar «un paso máis no desmantelamento da Atención Primaria na provincia, agora recortando recursos de enfermaría pediátrica na Limia».

 

CCOO denuncia que a Xerencia acomete unha reestruturación de prazas de profesionais de medicina e de enfermaría no centro de saúde de Xinzo de Limia que, como resultado, deixa unha enfermeira menos para atención pediátrica na comarca limiá ao desprazar a unha das dúas profesionais que realizaban ese traballo a atender a poboación adulta, evitando así, cubrir a baixa doutra enfermeira que se xubilou.

Puri Paradela, de CCOO Sanidade, explica que “ata o de agora, na zona de Xinzo, contaban con dous pediatras e dúas enfermeiras que viñan desenvolvendo, non só, a actividade asistencial, senón tamén preventiva e educativa da poboación infantil e preadolescente nesa comarca e, con este cambio, o que pretenden dende a Xerencia e que só se atendan aos nenos da cabeceira desta comarca, deixando aos do resto dos concellos sen atención de enfermería pediátrica”.

A portavoz do sector sanitario de CCOO de Ourense alerta das consecuencias negativas desta diminución de recursos en enfermaría pediátrica na Limia: “con esta medida da xerencia, é máis que probable que se produzan retrasos nos controis dos nenos sans, xa que, ata agora, facíanse 12 controles diarios -6 por enfermeira- e, agora, pasaran a facerse unicamente a metade”.

Paradela denuncia a política de recortes que aplica esta Xerencia “baseada só en números e estatísticas, obviando a calidade da atención sanitaria” e lembra que baixo o argumento estatístico “xa desmantelou o servizo de cirurxía pediátrica e, agora, ataca a pediatría dunha das comarcas que mais poboación infantil ten. Cal será o próximo?” pregúntase a representante sindical.