A rehabilitación do edificio, no casco histórico ourensán, ten consignados 400.000 euros nos Orzamentos 2015 da Xunta de Galicia.
A directora xeral de Turismo, Nava Castro, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitaron o edificio que albergará o futuro albergue de peregrinos, que ten consignados 400.000 euros nos Orzamentos 2015 da Xunta de Galicia. “un investimento que agradecemos e celebramos porque supón un espaldarazo importantísimo para o futuro do desenvolvemento do turismo en Ourense”, recalcou Jesús Vázquez, quen entregou o proxecto básico de remodelación do edificio á directora xeral de Turismo.
Só no que vai de ano 2015, foron 8.968 dos máis de 180.000 os peregrinos chegados a Santiago os que elixiron a Vía da Prata, unha cantidade que vai en aumento respecto a anos pasados, en grande medida, por culpa da labor de recuperación e posta en valor dos camiños de Santiago que leva a cabo a Xunta de Galicia.
“Correspóndenos ás administracións traballar man a man para dotar de mellores servizos o Camiño de Santiago que redunden en máis visitantes e mellor promoción do noso turismo. Celebramos, pois, o anuncio do Plan Director do Camiño de Santiago para revitalizar, promocionar, promover o estudo e a investigación de todas as rutas xacobeas, a súa infraestrutura, patrimonio e legado inmaterial, pero tamén definindo directrices que contribúan á mellora de aspectos ambientais, a xestión de fluxos de persoas, a mellora dos trazados e da sinalización e, sobre todo, na mellora dos servizos turísticos”, explicou o alcalde de Ourense.
“É compromiso tamén deste goberno, a nivel municipal, o de dotar a Vía da Prata das mellores infraestruturas posibles, e consideramos que o incremento de prazas para romeiros é un paso á fronte. Pero non será o último: grazas ao convenio que asinamos coa Xunta de Galicia en recentes datas, poderemos ofrecer mellores instalacións termais, mellor información turística coa sinalización dos principais recursos turísticos da cidade, e información global da nosa cidade a través das pantallas táctiles nas que a Concellería de Turismo e Termalismo está a traballar arestora”, recalcou Jesús Vázquez.
“Os que elixan a Vía da Prata como alternativa para chegar a Santiago de Compostela atoparán en Ourense un lugar céntrico, onde poder disfrutar de todo o bo que esta cidade e os seus habitantes poden ofrecer”, recalcou Jesús Vázquez.