A Xerencia do Sergas en Ourense procederá á creación e cobertura dunha nova praza de pediatra e outra de enfermería adscritas ao centro.

O  centro de saúde da Valenzá duplicará súa oferta asistencial de pediatría a partir do vindeiro mes de Novembro, coa creación e cobertura dunha nova praza de pediatra e outra de enfermería, que estarán adscritas a este centro.

A nova dotación da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras forma parte do seu plan estratéxico de reordenación de recursos para a mellora da calidade asistencial, respondendo a criterios de actividade e proxección de necesidades futuras, tendo en conta que A Valenzá conta na actualidade cunha poboación en idade infantil -de 0 a 14 anos- de 1.395 nenos, deles o 26% de 0 a 3 anos, o que indica súas necesidades pediátricas futuras.

Xunto a elo, o seguimento e controis dos nenos deste tramo de poboación infantil é o que xera un maior volume de consultas, programadas directamente desde as unidades de pediatría de Atención Primaria dentro do Programa de Neno San, xa que dos 14 controis que establece o programa, 10 se realizan entre o nacemento e os 3 anos. Precisamente para mellorar e facilitar este seguemento, o Sergas ven de incluir un novo módulo pediátrico específico dentro do IANUS (Historia Clínica Electrónica).

O novo equipo profesional da Unidade de Pediatría virá a duplicar a oferta asistencial existente, complementando e coordinándose co horario actual en días alternos, de xeito que posibilitará a oferta de pediatría da Valenzá durante tódolos días da semana, tanto en horario de maña como de tarde.

A ampliación dos servizos de pediatría xa estaba prevista no programa funcional deseñado para o novo Centro de Saúde, que ten un prazo de execución de 11 meses e se iniciou a finais de agosto, polo que está previsto que entre en funcionamento o vindeiro ano 2016.