Ademais dun novo vestiario para os usuarios da pista de atletismo.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un gasto para obras de mellora das instalacións no Pavillón dos Remedios por un importe de 99.814,11 euros. As actuacións consistirán na construción dun campo para a práctica do fútbol-5, e que estará emprazado xunto ao campo de fútbol Miguel Ángel, e na instalación de un módulo de vestiarios para os usuarios das instalacións de atletismo.
O fútbol-5 é unha modalidade deportiva moi similar ao fútbol-sala, coa salvidade de que se xoga coa axuda das paredes que delimitan o campo. Trátase dun deporte “con grande dinamismo e extraordinariamente eficaz para o ensino do fútbol en idades temperás”, segundo reza o informe técnico do Consello Municipal de Deportes.
O campo, de céspede artificial e cunhas dimensións de 40×20 metros, permitirá darlle un uso máis racional ao actual rectángulo de xogo ao tempo que empregar un espazo sen utilizar ao final do mesmo. Igualmente, abre a posibilidade de organizar competicións de fútbol-5 para diferentes colectivos da cidade. O orzamento destinado para esta obra é de 60.89,11 euros.
Os novos vestiarios emprazaranse na terraza existente entre as bancadas e a entrada do módulo de atletismo do campo de fútbol. É unha instalación modular de 12 metros de longo por 2,44 de ancho e 2,90 de alto. Contará con dous habitáculos independentes no seu interior que terán entradas independentes desde o exterior. A súa instalación, que non precisará de obra, terá un custe de 39.325 euros.
Tratábase dunha infraestrutura moi demandada por deportistas e polos proxenitores dos escolares, xa que o espazo existente non cubría a demanda dos usuarios, e moitos deles víanse na obriga de cambiarse nas instalacións do Complexo Deportivo e saír á intemperie.