A axuda cobre a 5 entidades deportivas máis que na convocatoria de 2014.

 

O Consello Municipal de Deportes aprobou, nunha reunión ordinaria celebrada o pasado xoves, as axudas a clubes e asociacións deportivas para o ano 2015. En total, serán 79 as entidades beneficiadas –5 máis que en 2014-, cubrindo deportes que van desde a natación ao baloncesto, fútbol e fútbol sala, rugbi ou alpinismo. A contía destinada neste exercicio é de 666.962 euros.

Cada clube percibe 5,36 euros por cada un dos puntos que establecen os criterios da convocatoria. Esta edición aprobáronse todas as solicitudes presentadas agás cinco: tres por non presentar a documentación solicitada nas bases das subvencións e dúas máis ao non estar inscritas no rexistro de entidades deportivas municipais.

Entre as aceptadas, os importes varían dende os 144 euros que percibirá Diablos Vermellos F.S. aos 57.650 euros do Club Ourense Baloncesto.

O comunicado do Consello Municipal de Deportes establece, así mesmo, unha prórroga ata o 30 de novembro de 2015 para a presentación das contas xustificativas das entidades beneficiarias que presentaron os seus proxectos correspondentes á tempada 2014/2015.

A resolución destas bases pódese consultar na web www.deportesourense.com e no taboleiro de anuncios do Pavillón de Deportes dos Remedios.