Os socialistas destacan que non se inclúe o novo centro de saúde, o transporte metropolitano ou a ampliación do colexio Ben-Cho-Shey, entre outros proxectos necesarios para este concello.
A ausencia de investimentos para Pereiro de Aguiar nos orzamentos do próximo ano que tramita a Xunta de Galicia ocasionou duros reproches por parte do edil socialista no municipio César Grande, quen cualificou de «vergoña» e «grave discriminación» o nulo investimento previsto polo Goberno galego para o municipio.
Segundo César Grande, o executivo de Feijóo «marxina ás 6.500 veciñas e veciños de Pereiro”, unha situación ante a cal o grupo socialista «non pensa quedar calado nin quieto», unha vez que se comproba a “incapacidade da xestión que está a mostrar Eliseo Fernández fronte ao Sr. Feijoo”.
Na mesma liña, Grande sinalou que «este engano non vén de agora, posto que a falta de investimentos en Pereiro sucédese ano tras ano». «Os orzamentos non é que sexan pésimos -apostila o edil socialista-, senón que son nulos».
Entre as cuestións pendentes, os socialistas pon o acento na falta de partidas para a construción un novo centro de saúde, destacando que o actual alcalde do Partido Popular, Eliseo Fernández leva anunciando a súa «inminente» construción en todos os seus programas electorais – para a que o Concello fíxose con terreos hai anos – ; así como, a falta dunha dotación económica específica para a implantación dun servizo de autobuses regular entre Pereiro e a cidade de Ourense,, ademais da tan necesaria ampliación do colexio público Ben-Cho-Shey, – debido ao aumento significativo de novas matrículas os últimos cursos – incluído un instituto de educación secundaria.
Finalmente, Grande anunciou que os socialistas de Pereiro xa presentaron ao seu grupo parlamentario unha multitude de emendas (que superan os 10 millóns de euros) aos “orzamentos discriminatorios do PP”, nas que tamén se inclúe a construción dun ecoparque fluvial en Cachamuiña, a mellora da estrada OU-536 e construción dun carril-bici na travesía urbana da Derrasa, o saneamento integral do río Loña, a construción dunha Casa da Cultura, a rehabilitación de núcleos rurais e a creación dunha rede de vías verdes.