Os tiradores Jorge Encinas e Paula Fernández obtiveron o primeiro posto nas modalidades de carabina sénior e pistola júnior, respectivamente.
O campo de tiro de Santiago de Compostela acolleu este domingo o Campionato galego de tiro olímpico na modalidade de carabina aire comprimido, no que o ourensán Jorge Encinas Arnau logrou a medalla de ouro, impóndose aos representantes das demais provincias galegas. A medalla de prata foi para o coruñés Francisco Vilas e a de bronce para o tirador de Vigo Luís Iglesias; o outro participante ourensán, Teodoro Alvarez, obtivo a quinta praza.
A competición de pistola damas tivo lugar o mesmo día no campo de Arteixo, na Coruña. A júnior ourensá Paula Fernández gañou na súa categoría mentre que Nuria Mera, tamén de Ourense, só puido ser cuarta en categoría absoluta.
A categoría de pistola sénior disputarase no Club de Tiro Eiroás de Ourense o 15 de novembro.