A Unión Deportiva Ourense volve golear no seu estadio. Nesta ocasión diante ao Caldeo por 6-0.
O estadio do Couto está a ser o «curaferidas» da UD. Despois de caer como visitante regresan ao Couto para redimirse, e nesta ocasión non foi menos. Salvo contra o Santa Teresita, co que se perdeu por 2-3, o resto de encontros como locatarios saldáronse con goleada.
Na primeira metade os de Antonio Dacosta lograron un gol, obra de Brais, co que rematarían os primeiros 45 minutos.
Foi na segunda metade cando se consumou a goleada. Co paso dos minutos os rivais notan as dimensións do Couto e é nese momento cando os unionistas superan con claridade ao adversario. Alomenos foi o que sucedeu neste partido, no que cinco goles dos seis foron no segundo tempo.
Aos poucos minutos da reanudación, Jonatan (en propia porta) daba o 2-0 aos capitalinos. Tiveron que pasar 15 minutos máis e con Xaco recén entrado no campo para ver o terceiro da tarde, coa firma do extremo.
Brayan
E con 3-0 chegaba a hora de Brayan. O dianteiro que estaba negado de cara ao gol (dispuxo innumerables ocasións pero non se estreara como goleador na competición) logrou dous goles neste encontro (o cuarto e o quinto do equipo) en tres minutos. Aínda puido meter un terceiro pero o seu disparo foise por enriba do longueiro. A goleada redondearíase co sexto gol marcado por Cristian Dacosta.
Esta vitoria fai que a UD Ourense sexa oitava con 12 puntos a sete da cabeza. A clasificación a comandan Santa Cruz de Arrabaldo e Amoeiro con 19 puntos cada un. Nesta xornada o Santa Cruz venceu ao Santa Teresita por 2-1, mentres que o Amoeiro empatou na casa do Pontedeva (1-1).