A raíz dunha información publicada sobre unha denuncia presentada contra el, de ofrecemento de traballo a cambio de favores sexuais. Baltar anuncia accións legais.
O dixital Eldiario.es publicaba este martes a denuncia dunha muller que acusaba a Manuel Baltar de ofrecerlle traballo a cambio de sexo. Segundo informa a citada publicación dixital, que tivo acceso ao escrito de denuncia presentado na Fiscalía o pasado 13 de outubro, os feitos remóntanse ao ano 2010, cando supostamente o presidente da Deputación de Ourense e a denunciante mantiveron relacións nunha suite do hotel Francisco II. A información publicada recolle supostos sms enviados por Baltar á muller así como gravacións de conversas entre ambos -realizadas pola muller- nas que esta lle pide explicacións por incumplir a súa palabra. No escrito á Fiscalía a autora da denuncia indica que «me siento humillada por lo que considero fue un abuso de mi situación de necesidad para aprovecharse sexualmente de mí, con promesas de darme un trabajo en la diputación o incluso en otro lugar».
O presidente da Deputación xa anunciou no seu Twitter que emprenderá «todas las acciones judiciales precisas».
Solicitude de xunta de voceiros
A raíz desta exclusiva, o grupo municipal socialista solicitou unha xunta de voceiros urxente. «Debido á gravidade dos feitos e ao que estos puideran ocasionar á Deputación Provincial, procedemos a actuar con carácter urxente, empregando os mecanismos institucionais adecuados a esta situación», explican os socialistas nun comunicado. Queren así que o presidente da Deputación «teña a oportunidade de explicarse ante os representantes das forzas políticas, dada a gravidade dos supostos feitos denunciados e o prexuízo que estos supoñen para a imaxe da institución provincial».
O Goberno provincial respostou de inmediato, denegando esta solicitude de convocatoria da xunta de portavoces «por tratarse dunha cuestión que non forma parte das funcións de dito órgano».