A poboación pediátrica pasa a ser atendida por unha soa enfermeira, na vez de dúas como ata agora.
Elvira Lama, a portavoz do PSOE de Xinzo, recolle as inquietudes de proxenitores e profesionais do centro de saúde da localidade ante unha «nova redución de persoal na unidade de enfermaría pediátrica».
“A non contratación de efectivos que cubran enfermidades, vacacións e ausencias xustificadas dos profesionais da saúde, agrávase coa non substitución dunha enfermeira que se xubila, pasando o seu posto a ser cuberto por unha enfermeira do servizo de pediatría, deste xeito desvestimos a un santo para vestir a outro” en `palabras de Elvira Lama.
“A gravidade dos feitos é neste caso maior, por deixar de atender a poboación infantil, nas súas patoloxías diarias e tamén nos controis periódicos e nas campañas de vacinación que se fan dependendo da idade dos rapaces, asi como a educación para a saúde que desenvolven estas profesionais tanto cos rapaces como cos pais e nais xa que abarca un período comprendido dende o 1º ano ata a puberdade”, comenta Elvira Lama. A socialista estima a poboación pediátrica de Xinzo e comarca en 1.500 menores.
Con este recorte, o servizo de pediatría «vai quedar coxo ao haber dous médicos pediatras e só unha enfermeira para todos, de forma que moitos van agardar en listas de espera para poder ser atendidos como se merecen».
A socialista sinala que xa esta en marcha una campaña de recollida de sinaturas en toda a comarca. Ademais, o PSOE remitirá unha carta á xerente da Área de Xestión Integrada de Ourense. «Os niveis de indecencia dos dirixentes da área de Xestión do CHUO coa Limia están traspasando todos os límites imaxinables e agora pretenden que sexan as enfermeiras dos centros de saúde dos outros concellos da Limia os que leven as revisión dos rapaces, non os especialistas de pediatría que para iso é unha especialidade dentro da medicina”, di Lama.