O grupo provincial socialista rexistrou unha solicitude de información para que o presidente da Deputación resposte oralmente polos cauces oficiais.
Trala denegación de convocatoria de xunta de voceiros na Deputación de Ourense, o PSOE recurrirá a oturos cauces para que Manuel Baltar dea explicacións con respecto á denuncia presentada en Fiscalía que o acusa de ofrecer traballo a cambio de sexo.
Segundo indican nun comunicado, «segue sendo a nosa pretensión, actuar dende a máxima prudencia perante uns feitos que, de demostrarse a súa veracidade, danarían gravemente a imaxe, xa devaluada, da Deputación Provincial de Ourense». Por iso, veñen de rexistrar unha solicitude de información para que Manuel Baltar resposte oralmente polos cauces oficiais.
Na mencionada solicitude, o grupo provincial socialista reclama que o presidente da Deputación «aclare inmediatamente se recoñece a súa voz nas gravacións que aparecen estes días nun medio de comunicación estatal e nas que supostamente mantén unha conversa con outra persoa ao respecto dun posto de traballo na Deputación Provincial de Ourense e que, tamén, diga se esas conversas foron reais ou se están manipuladas».
Seguindo coas gravacións, o PSOE considera «de vital importancia coñecer se, cando Manuel Baltar di que pode cambiar as notas nos procesos selectivos, fala de feitos reais ou só se trata dun acto de fanfarronería para acadar algo a cambio».