O sindicato quere que a Administración local subrogue o persoal que prestaba os servizos de atención do citado párking.

 

O sindicato Comisións Obreiras vén de amosar o seu apoio público á decisión do Concello de Verín de rescatar a xestión do aparcadoiro soterrado baixo a praza do Concello, logo de que a empresa concesionaria decidira pechar as instalacións.

CCOO solicitoulle formalmente ao alcalde, Gerardo Seoane, que “adopte de urxencia tódalas decisións políticas e administrativas que sexan precisas para recuperar na súa totalidade a xestión directa e integral de carácter público do aparcadoiro e, consecuentemente, e en virtude da normativa laboral vixente, se proceda así mesmo a acordar e dar trámite á subrogación inmediata do persoal que prestaba os servizos de atención do citado aparcadoiro, procedendo a súa integración como persoal indefinido do concello”

CCOO aposta por reverter a privatización dos servizos e por unha estrutura máis transparente e próxima á cidadanía e, nesa liña, esta solicitando reunións coas alcaldías das diferentes localidades para presentarlles propostas en defensa do emprego e os servizos públicos.