O acordo permitirá realizar as obras de mellora da rúa Concello, a pasarela do Parque Barbaña e obras de infraestruturas, abastecemento e humanización Eiroás, Seixalbo, rúa do Mercado e Santa Mariña.
O pleno ordinario da Deputación de Ourense correspondente ao mes de outubro aprobou o Plan Especial de Cooperación ás Obras e Servizos do Concello de Ourense 2015-2016, que permitirá realizar as obras de mellora e humanización da rúa Concejo e da pasarela peonil do Parque Barbaña, xunto co acondicionamento e renovación do firme na Praza Eiroás e na rúa do Pazo; a rede de abastecemento A Besada-Santa Mariña; a humanización na Canella do Barbaña-Pozo do Inferno; a instalación eléctrica para a vídeo-vixilancia no Polígono empresarial de Seixalbo, e a rehabilitación do firme e adecuación de accesibilidade da rúa do Mercado.
O Plan cofinánciase pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, ascendendo o orzamento total das obras a 1,6 millóns de euros (a Deputación achega 100.000 euros).
Outro acordo do pleno foi a modificación das tarifas do aparcadoiro anexo ao hospital Santa María Nai.
Mocións
Canto as mocións, aprobouse a que insta ao Goberno a incluir os municipios de menos de 20.000 habitantes nos plans FEDER para o período 2014-2020, e outra na que a Deputación, a través dos seus representantes no Padroado de Expourense, apoia que a pista indoor que a Federación Galega de Atletismo e a Xunta de Galicia pretenden situar e instalar en Galicia sexa situada en Expourense.
Ademais, aprobouse unha moción relativa a lumes forestais na que se exise á Consellería de Medio Rural e á Xunta de Galicia que activen unha política de prevención e extinción de incendios forestais que contemple as particularidades da provincia de Ourense dende a súa planificación ata a súa posta en marcha.
A Deputación tamén se adhire á marcha estatal contra as violencias machistas, e aprobou unha axuda de emerxencia para os campamentos saharuais.
O PP aprobou estes acordos en solitario ao abandonar a oposición a sesión por rexeitar o grupo de goberno debater a moción de Democracia Ourensana para reprobar a Manuel Baltar a raíz da denuncia na Fiscalía dunha muller que o acusa de ofrecerlle traballo a cambio de manter con el relacións sexuais.