O voceiro Iago Fariñas denuncia que o vehículo se está a utilizar para limpar as fincas dos amigos do alcalde e tenente de alcalde.

 

O portavoz do grupo municipal socialista no Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou un escrito con preguntas para o alcalde da localidade sobre o uso do tractor da mancomunicade.

Segundo indica un comunicado do socialista, veciños da parroquia de San Cosme lle denunciaron que «o tractor da mancomunidade estivo durante varias semanas a traballar na limpeza de fincas privadas en dita parroquia, que estas fincas son fincas particulares que segundo denuncian os veciños foron presuntamente cedidas en uso a un particular amigo do alcalde e tenente alcalde para, supostamente, pastoreo de animais».

Os socialistas consideran esto un feito máis da política do goberno do PP neste concello «baseada na consideración do eido público coma propio e da política de amiguismo do seu alcalde Manuel Penedo e o seu tenente de alcalde, Manuel Cerdeira.»

Por iso, preguntan ao grupo de goberno se existe algún procedemento para que a maquinaria municipal e da mancomunidade traballe e limpe propiedades privadas e tamén «que ten que facer un veciño ou veciña do Irixo se non é amigo do alcalde e do tenente de alcalde para que o tractor da mancomunidade lle limpe as súas fincas?”