Desenvolverase o xoves, día 5, e servirá tamén para que a poboación da zona se familiarice co seu son e sexa capaz de identificalo no caso dun accidente real.

 

O vindeiro xoves, 5 de novembro, a planta de Cepsa Comercial Petróleo, emprazada no concello de Maside, realizará unha nova proba de son da serea do seu Plan de Emerxencia Exterior (PEE) que servirá para avaliar o seu correcto funcionamento e así dar a coñecer o seu son aos cidadáns.

Este exercicio, que aparece recollido dentro do texto do PEE, repítese periódicamente e consistirá nunha simulación da activación do Plan, coa proba de serea, que no caso dunha activación real do Plan serviría como elemento de aviso á poboación. Así, a realización deste exercicio contribuirá a que a poboación da zona de Maside afectada por un hipotético accidente se familiarice co son da serea. A última proba da serea levouse a cabo hai case un ano, no pasado mes de decembro.

A Xunta de Galicia, coa colaboración do concello, procedeu estes días a un reparto de notas informativas entre os veciños que avisan de que se trata soamente dunha proba da serea.

Dende a Dirección xeral de Emerxencias e Interior recordan tamén as medidas a levar a cabo en caso da devandita activación , sinalando ademais que esta proba non afectará á actividade diaria dos veciños. “ Máis alá dos sinais acústicos, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina”, explícase nas notas informativas que se repartiron entre os veciños da zona.