As xogadoras do Cidade As Burgas, Ana López, Iria Saeta e Vanessa Sotelo, xunto á porteira do Ourense Envialia, Vanessa Barberá, estarán no Mundial de Guatemala 2015.
Fíxose pública a lista oficial de convocadas para o VI Torneo Mundial de fútbol sala que se disputará este ano no país centroamericano de Guatemala. O torneo internacional disputarase do 21 ao 29 de novembro.
A lista conta con tres xogadoras do AD Alcorcón FSF e o Cidade das Burgas; o Futsi manda a dúas integrantes e cunha xogadora estarán representados Roldán, Burela FS Pescados Rubén, Ourense Envialia, Valdetires Ferrol, Lupe Calcio A5 (Italia) e Citta Di Montesilvano (Italia).
As xogadoras son: as porteiras, Belén, Vane e Ana; as peches, Isa García, Leti, Iria e Amalia; as ás, Ana Luján, Peque e Ampi; as ala pívots, Erika e Marta Peñalver e as pívots, Vanessa Sotelo e Rebeca.
As xogadoras convocadas concentraranse do 9 ao 20 deste mes en Madrid, para ao día seguinte desprazarse a expedición española ata o país centroamericano.
Calendario
Tralo sorteo realizado, España quedou encadrada no Grupo B, xunto á anfitrioa Guatemala, Rusia e Xapón. O Grupo A confórmano a pentacampeona Brasil, a vixente subcampioa Portugal, ademais de Costa Rica e Irán.
España debutará o martes 24 ante Rusia (15 horas), o seu segundo encontro será ante Xapón (15 horas) o mércores 25 e finalizará a fase de grupos ante Guatemala (20 horas) do xoves 26. Os dous primeiros clasificados de cada grupo cruzaranse na rolda de semifinais o sábado 28 de novembro e a gran final dirimirase o domingo 29 ás 18:30 horas. Todos os encontros disputaranse no Domo Polideportivo da zona 13 da cidade de Guatemala.