Defenden o emprego do galego e insisten en que o importante neste caso é o fondo da cuestión, non a lingua.

Este mércores 4 de novembro representantes da Marcha Mundial das Mulleres en Ourense e da Mesa de Normalización Lingüística, xunto á deputada do BNG Carme Adán, a deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias e a abogada Victoria Diéguez, ofreceron unha rolda de prensa para denunciar que á Marcha Mundial das Mulleres se lles reclamase a utilización do castelán na reclamación que presentaron ante o Ministerio Fiscal para pedir o esclarecemento dos aspectos que fallaron e levaron ao asasinato de Isabel Fuentes (veciña de Verín que foi acoitelada no CHUO polo seu home a pesar de que a Garda Civil elertara á xuíza da súa desconfianza do marido), “obviando a cuestión de fondo da nosa reclamación”, explica Lucía Cedrón, integrante da coordenadora local do colectivo convocante.

Cedrón, ademais, sinalou que “é evidente que para o sistema as mulleres non valemos nada, cando nós denunciamos un asasinato e eles responden falando da lingua na que se realiza o escrito”. Así mesmo, insiste no seu dereito a utilizar o galego, “obrigáronnos a entregala noutra lingua, retrasando o proceso de investigación das causas que levaron a que non se protexera a Isabel, malia existir unha petición expresa por parte da Garda Civil alertando polas sospeitas sobre o seu home”, lembra.

Así memso, Mónica Pazos, da Mesa pola Normalización, lembrou o compromiso do Estado Español coa Carta Europea dos dereitos das linguas ,e que tanto a Constitución Española, como a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía, “amparan o uso da nosa lingua cando as reclamacións se presentan no noso territorio”. E insiste en que nun caso coma esta as institucións “deben ser sensíbeis e facilitar a labor, non entorpecer”. “Que sexa legal non significa que sexa xusto” engadiu.

Pola súa banda, as deputadas Carme Adán e Carmen Iglesias, do BNG e Grupo Mixto, anunciaron que esixirán no Parlamento que “o goberno galego poña todo o seu interese en facilitar que se siga o proceso da reclamación, evitando máis atrancos como a recente devolución do texto”. Ambas deputadas manifestaron o seu apoio ao traballo de denuncia da desproteción de Isabel Fuentes levada a cabo pola Marcha Mundial das Mulleres e denunciaron “o feminicidio permanente no que vivimos”, en palabras de Carme Adán, e “que non se dea valor á vida das mulleres”, en palabras de Carmen Iglesias.

Por último, a abogada Victoria Diéguez, fixo unha análise do recente arquivo da causa de investigación do procedemento desenvolto pola xuíza, lembrando que é “unha mostra do descoñecemento do que é a violencia machista por parte de quen realiza os procedementos”, e que iso “non se pode tolerar”.

Pese aos atrancos postos polo Ministerio Fiscal, dende a Marcha Mundial das Mulleres explicaron que continuarán adiante coa reclamación.