Ángeles Vázquez confirma un investimento de 1,5 millóns de euros para os regadíos da Limia.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu este xoves en Xinzo de Limia a presentación da campaña “O Monte é a nosa Vida, axúdanos a coidalo” para o curso académico 2015-2016. Esta iniciativa, promovida pola Confederación Galega de Empresarios da Madeira (Confemadera Galicia), en colaboración coa Xunta, ten como obxectivo sensibilizar á opinión pública galega e aos visitantes sobre a importancia do noso monte polo seu valor medioambiental, económico e social.
A titular de Medio Rural destacou a riqueza forestal de Galicia e animou aos alumnos asistentes a este acto –e en xeral a todos os galegos– a difundir e protexer os valores do noso monte, así como a facer fronte á lacra dos incendios forestais. Ángeles Vázquez dirixiuse a uns 200 alumnos dos IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía, ambos de Xinzo de Limia. Neste último impártense, precisamente, dous ciclos de Formación Profesional relacionados co monte e o medio natural.
A conselleira animou aos escolares a involucrarse na defensa do noso monte, de modo particular a través da actividade nas redes sociais, e a participar en iniciativas como esta, que buscan poñer en valor a riqueza forestal de Galicia.
Esta iniciativa inclúese tamén no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que compiten catro centros de Ourense, Vigo e A Coruña con traballos sobre a multifuncionalidade, xestión sustentable do monte e certificación forestal, entre outros temas.
Investimentos para os regadíos da Limia
Preguntada sobre o proxecto de regadío na comarca da Limia, a conselleira reiterou o compromiso do seu departamento e explicou que haberá unha partida nos orzamentos de 2016, de un millón e medio de euros. “Sabemos que con iso non é suficiente pero tamén sabemos que hai un traballo importante antes de comezar as obras, co cal este ano vai recibir un impulso importante aos regadíos da Limia”, dixo Vázquez.