O presidente da Deputación de Ourense dixo hoxe na súa comparecencia na Comisión de Economía do Parlamento que urxen solucións fronte ao despoboamento.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu este xoves diante da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2016, que ascenden a 77.700.000 euros e supoñen un incremento dun 2´63% con respecto aos deste ano. Ademais, lembrou que se trata da primeira administración pública do Estado en aprobalos (o pasado 25 de setembro).
Baltar explicou que estes orzamentos “apostan por catro plans de futuro que, agardamos, conten con financiamento comunitario. Falo do Plan Termal Provincial, da Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, do Plan de Competitividade para as nosas pequenas e medianas empresas, e do Plan “Ourense Provincia Intelixente”, absolutamente innovador”.
Destacou tamén como innovacións un Plan de apoio ás actividades da mocidade e o primeiro Plan de apoio á natalidade, “froito da preocupación demográfica existente”. Así mesmo, pediu “un gran pacto demográfico entre todas as forzas políticas, sociais, económicas e culturais de Galicia; un pacto afastado de ideoloxizacións e partidismos”.
O presidente do goberno provincial propuxo tamén incrementar a cooperación entre o goberno autonómico e as deputacións galegas. “Cooperación na liña do iniciado polo presidente Feijóo e que serviu para que, no que respecta a Ourense, podamos falar logo destes anos, de cuestións abordadas conxuntamente como o Plan Termal Provincial, os investimentos do Plan de Camiños da Consellería de Medio Rural ou as pequenas obras en colexios da provincia, realizadas grazas ao esforzo da Consellería de Educación e a Deputación de Ourense”.
Manuel Baltar non deixou de lembrar as reivindicacións que expuxo en anteriores comparecencias parlamentarias, cal foron que o Parlamento inste ás Cortes Xerais do Estado para que modifique a Lei Electoral para que os deputados provinciais sexan elixidos directamente polos veciños da provincia; que as deputacións participen nos ingresos dos tributos da Comunidade Autónoma; que se concreten as competencias asumidas por cada nivel de goberno para evitar duplicidades, e finalmente que sexamos conscientes “do novo tempo do municipalismo español no que será obxectivo prioritario a reforma do financiamento local”.
E rematou a súa intervención destacando o posicionamento acadado pola Deputación de Ourense en organizacións e foros de debate nacionais e internacionais, entre os que citou a FEMP, a Rede Europea de Gobernos Locais Intermedios (Partenalia), o South Summit ou o Seminario internacional sobre visión política e desenvolvemento territorial, celebrado hai uns días en Curitiba (Brasil).