Reunión escola de música de Xinzo

Os alumnos que quedaron sen praza por problemas técnicos do Concello recibirán formación.

A Deputación de Ourense, por medio dun acordo de Xunta de Goberno celebrada este venres, soluciona a problemática existente no Conservatorio de Música de Xinzo de Limia, o que permitirá aos alumnos que quedaron fóra das prazas por motivos técnicos do propio concello recibir formación musical e dispoñer de instrumentos precisos para a mesma.

Logo das reunións celebradas entre alumnos e pais con técnicos da Deputación, co vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, e coa deputada Montserrat Lama, chegouse a un acordo que permitirá dispoñer de profesorado e instrumentos para impartir oito especialidades musicais e tres asginaturas comúns aos alumnos que non obtiveron praza no curso 2015-2016 no Conservatorio de Xinzo.

Neste senso, a Xunta de Goberno aprobou a creación da Escola elemental de música de Xinzo, cuxas clases impartiranse nas aulas da Casa de Cultura de Xinzo, as cales darán comezo o vindeiro 13 de novembro e rematarán o 25 de xuño de 2016.

Axudas para entidades sen ánimo de lucro
Así mesma, nesta Xunta tamén se acordou a convocatoria de axudas para entidades sen ánimo de lucro da provincia, para organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2015, e achegas para actividades formativas no ámbito musical e obras de infraestruturas en concellos da provincia, todo elo por importe de 330.687 euros.