Despois de dous partidos seguidos no Couto da UD Ourense, nesta xornada (a número 10) visita O Xestal para enfrontarse ao Ribadavia Atlético. O partido disputarase este domingo a partir das 16.15 horas.

Agora os homes de Antonio Dacosta deberán demostrar, nesta ocasión, que a tendencia é positiva en canto a xogo e resultados. En casa revelaron unha melloría que debe refrendar en vindeiras citas. O «talón de Aquiles» dos unionistas está lonxe do Couto, onde o seu rendemento baixa.

Contra o Ribadavia Atl. será unha boa ocasión para comprobar se os capitalinos adáptanse como visitantes. O Xestal é un campo de herba natural e cunhas dimensións considerables, o que pode facer que lle veña mellor as condicións dos xogadores do Ourense que aos do Ribadavia.

Ribadavia
O presidente do Ribadavia Atlético, Julio Couto, manifestaba que para eles é «un partido máis» e que a pesar de que a UD move seareiros aos seus desprazamentos, o certo é que «non é o encontro no que facemos mellor taquilla».
Para Couto é un partido no que irán a polo tres puntos, «como o facemos en todos».

O presidente indica que «polo que dín» o Ourense a pesar de estar na posición que está «vai ser un dos equipos que esté arriba». E finaliza dicindo que «teñen xogadores moi mozos a quen lles gusta tocar o balón».

En canto ao seu equipo considera que están pagando a novatada «de xogar por primeira vez nesta categoría», pero é optimista á hora de que se «salve o equipo a final de tempada». A permanencia é o obxectivo dun equipo que marcha 14º con nove puntos.