Será este sábado 7 de novembro e está organizada pola Asociación de Veciños de Lucenza (Cualedro), co apoio de Amigos da Terra, Ríos Limpos, e o Comité en Defensa do Monte Galego.

A carón do «Banco máis triste » da Igrexa dos Mouros e moi preto da Pena Muller, en pleno corazón do Larouco, comezarán os traballos para minimizar os estragos que o lume produciu este verán. “Queremos unha serra verde e con vida, e iso precisa da nosa axuda”, explican dende a organización.

A actividade dará comezo ás 10 da mañá, no local social de Lucenza, que acollerá un obradoiro forestal no que se abordará como crear barreiras contra a erosión; plantación de árbores; limpeza dunha fonte; dunha área de lecer e da contorna da Pena Muller; recollida de lixo; limpeza de noiros e encauzamento das augas. Tamén se organizará un magosto aproveitando a data.

Pode participar nesta iniciativa quen o desexe.

Lexislación
As diferentes entidades e organizacións que colaboran nesta iniciativa tamén quixeron aproveitar para demandar a aplicación da lei 7/2012, do 28 de xuño de montes de Galicia. Concretamente, piden que se poña en práctica o establecido nos artigos 64 e 65 da Lei de montes de Galicia na Serra do Larouco, Castro Leboreiro, Pena Trevinca, Serra de San mamede, O Monte Pindo, As Fragas do Eume, Serra de Penas Libres, Manzaneda e Queixa, O Courel, Pena Monteagudo, O Barbanza, O Monte Grande… “montes, serras e espazos naturais afectados polos incendios forestais ao longo dos últimos anos en Galicia que quedaron no máis absoluto esquecemento ata o de agora”, recalcan.

“Ten que ser unha prioridade nas políticas de conservación do Goberno galego desenvolver plans de restauración-recuperación medioambiental destes ecosistemas, espazos vitais para a protección da flora e a fauna, áreas naturais estratéxicas dende o punto de vista económico, ecolóxico e social para o conxunto do país”, demandan.