Puri Caldelas presenta a Feira Outono Verín

Artesanía e gastronomía serán os piares deste evento que se celebrará na praza Maior os días 14 e 15 de novembro.

A concelleira de Turismo de Verín, Purificación Caldelas, presentou este luns o programa da primeira edición da Feira de Outono que se celebrará os días 14 e 15 de novembro na Praza Maior da localidade.

Segundo Caldelas, este evento é unha iniciativa que busca dinamizar a economía local e visualizar a oferta de produtos tradicionais e característicos desta época do ano. “Con este tipo de eventos queremos apoiar á xente que aposta polo rural. Coas xornadas de charlas formativas pretendese visualizar o potencial dos produtos da nosa terra” aclarou Caldelas.

Magosto tradicional
Ademais, dentro da programación do evento, o sábado 14 celebraráse un magosto tradicional, a partir das 20 horas, amenizado con unha foliada por parte do grupo Candaira, no que os asistentes poderán asistir a unha degustación de castañas na propia praza Maior.

Durante os dous días, instalaranse un total de 21 postos con produtos de artesanía e gastronómicos, como castañas, cogumelos, embutidos, licores ou mel.

Para finalizar a feira realizarase un sorteo dunha cesta de produtos variados cedida polos comerciantes dos postos participantes.

De xeito complementario haberá charlas: sobre “As abellas e a súa influencia sobre o medioambiente”, impartida por Nestor Ogando, o sábado ás 16:30 horas, outra sobre “O Castiñeiro: Cultura, manexo e defensa contra pragas e doenzas”, impartida por Miguel Losada, secretario da sociedade galega de antropoloxía e Rafael Castro, enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro forestal e técnico da asociación de produtores de castaña de Conso-Fieira, a mesma xornada ás 18 horas.

O domingo Begoña Vázquez impartirá un showcooking para nenos e nenas con produtos de tempada, a partir das 11 horas. A partir das 16 horas haberá unha xornada micolóxica, impartida por Rafael Castro, con saída ao monte incluída. Ás 17 horas, un obradoiro de manualidades de outono impartido por Rebeca Queija, e ás 19:30 horas celebrarase o sorteo da cesta de produtos.