Os socialistas anunciaron medidas en todos os concellos así coma nos parlamentos galego, estatal e europeo.
A Comisión de Igualdade da Comisión Executiva Provincial de Ourense, integrada por diversos cargos institucionais e orgánicos socialistas na provincia, informou nunha rolda de prensa das medidas postas en marcha, a todos os niveis, para seguir esixindo responsabilidades políticas ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, con respecto á denuncia contra el por supostamente ter ofrecido a unha muller traballo a cambio de sexo.
As mulleres socialistas da provincia de Ourense consideran «intolerable» a actitude amosada polo presidente da Xunta de Galicia, «culpabilizando á vítima e facendo aparecer coma inocente ao seu amigo Baltar», e cren que hora «de apelar a todos os cauces institucionais posibles e á mobilización da cidadanía para deter a indignidade de que Manuell Baltar siga a ostentar o cargo de Presidente Provincial».
Así, anunciaron medidas nos municipios e nos parlamentos galego e estatal, así coma no europeo. En concreto, darán traslado a todos os concellos ourensáns da moción de reprobación do presidente da Deputación que xa foi presentada polo grupo provincial socialista, xunto co resto da oposición, no pleno extraordinario do ente provincial. Tamén trasladarán o caso á Deputación Permamente do Congreso dos Deputados de España, a través do voceiro socialista na Cámara baixa, Antonio Hernando, e ao Europarlamento, a través da súa reprersentante na Comisión de Igualdade, Iratxe García e dos deputados europeos, Pepe Blanco e Elena Valenciano.
Asemade pedirán a comparecencia no Parlamento galego da secretaria xeral de Igualdade, Susana Abella, do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Caso de denegarse as comparecencias, o grupo parlamentar socialista seguirá co seu labor de fiscalización a través de interpelacións e preguntas orais.
Por último darán traslado do caso á Secretaria de Igualdade da Executiva Nacional Galega, Eva Martínez Montero e á súa homóloga na Executiva Federal, Carmen Montón.
Reunión do comité de ética
Os acordos da Comisión de Igualdade dos socialistas ourensáns tómanse no mesmo día que se reunía o comité de ética da Deputación Provincial, que foi convocado a instancias do PSOE para que estudase a denuncia contra Baltar. Preguntado por esta xunzanta, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, non quixo facer ningunha valoración, pois, como recordou, “é un órgano independente que desenvolve as súas función con absoluta autonomía”. O que si dixo é que agarda con tranquilidade o resultado desta reunión do comité de ética: “imos ver as comunicacións que recibo, a tranquilidade é absoluta”, pois non cre que teña incumplido ningún artigo do Código Ético que el mesmo redactou no seu día.
Ao respecto das preguntas por parte da oposición ao presidente Feijoo polo seu caso, este mércores no Parlamento galego, Baltar tampouco quixo entrar en valoracións: “son cuestións alleas a esta institución”. Ao propio Feijoo el xa lle dixo “o que tiña que dicir desde o minuto” e novamente repetiu aos medios de comuncación que emprenderá “acción legais nun asunto tan desagradable coma este”.