Instalada no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, asesorará na creación e desenvolvemento de iniciativas empresariais.

A Concellaría de Promoción Económica de Barbadás creou un punto de información público e gratuito, no Centro Empresarial Transfronteirizo, ubicado no Pontón, onde os veciños deste municipio poden atopar asesoramento e acompañamento para facer realidade ideas de negocio e consolidar as empresas existentes no territorio.

Esta iniciativa supón, en palabras do Goberno local de Barbadás, «unha firme aposta polo emprego e pola reactivación económica, prioridade estratéxica para un goberno que non mira para outro lado, que asume os problemas actuais de empregabilidade, especialmente das persoas máis novas, poñendo todos os medios e ferramentas para favorecer as condicións necesarias para iniciar ou consolidar unha actividade laboral».

A posta en marcha desta oficina responde ao traballo realizado no CET pola xerente do mesmo, Lucía Rodríguez para quen “PROECO baseará a súa xestión no fomento da cultura emprendedora, apostando maioritariamente polo autoemprego, pola innovación e polo aproveitamento dos recursos endóxenos”. Asimesmo, este departamento favorecerá todas as accións dinamizadoras do territorio que favorezan o aumento da competitividade empresarial e, en xeral, o desenvolvemento socioeconómico do Concello.

Para Xosé Manoel Fírvida, concelleiro de Promoción Económica de Barbadás, “serán de especial interese a promoción de iniciativas de economía social, neste senso, xa está en marcha a creación dunha infraestrutura complementaria e de apoio para que empresas de recente creación conten cun espazo físico onde ubicarse sen ter que saír do concello, trátase de tres niños empresariais no CET que estarán dispoñibles a comezos do ano 2016”.

Na actualidade, xa se está a traballar na elaboración dun estudo do territorio e recoñecemento das potencialidades económicas, así como, nun Plan de desenvolvemento turístico do Concello de Barbadás que complementará e porá en valor os recursos deste concello.