Ana Barrios e Rodríguez Celis

Os dous sindicatos formalizaron na Subdelegación do Goberno a presentación de propostas sindicais conxuntas dirixidas ás organizacións políticas de cara ás eleccións xerais do 20D.

Ana Barrios, secretaria xeral da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense e Xosé Luís Fernández Celis, secretario xeral da UXT de Ourense, presentaron no rexistro da Subdelegación do Goberno en Ourense un manifesto coas propostas conxuntas de ambas as dúas organizacións sindicais dirixido ás organizacións políticas diante das eleccións xerais do próximo 20 de decembro.

No manifesto analízase a situación laboral actual e se fan propostas contra o paro e pola mellora do emprego e o aumento da protección social. Nos próximos días, ambas as dúas organizacións sindicais achegaranlle as propostas a todas as demais organizacións políticas que se prevé que concorran ao proceso electoral das xerais do 20D.

CCOO e UXT resumen a lexislatura de Mariano Rajoy como negativa para a cidadanía: “menos poboación activa, menos emprego e cada vez máis precario, altas taxas de desemprego, maior incremento da desigualdade, máis pobreza e máis exclusión social, desvalorización salarial, deterioro dos servizos públicos”, situacións ante as que consideran que “resulta imprescindible aplicar outras políticas económicas e sociais radicalmente diferentes e que son, en definitiva, as que recollemos no manifesto
conxunto de CCOO e UGT”.

Os dous responsables sindicais provinciais coinciden afirmando que “a voz dos traballadores e traballadoras deben ser recollidas nos programas electorais, incorporando na axenda política prioridades ociais e laborais da cidadanía e así, as propostas de CCOO e UGT, van encamiñadas a articular un modelo máis democrático de relacións laborais e un cambio de rumbo nas políticas económicas”. Barrios e Fernández Celis  manifestaron con rotundidade que “hai que derogar a reforma laboral e restablecer os dereitos sociais e laborais arrebatados”.

O manifesto tamén establece prioridades claras e concretas encamiñadas a impulsar a economía, como «recuperar o diálogo social, rematar coa precariedade e a inestabilidade, crear emprego e establecer salarios decentes que permitan mellorar o poder adquisitivo das persoas, recuperar e mellorar a protección social e loitar contra a desigualdade, fortalecer a protección por desemprego, mellorar as pensións, investir en dependencia, fortalecer os servizos sociais, recuperar os servizos públicos, a sanidade, a educación, investindo para recuperar a súa calidade e universalidade; unha reforma fiscal xusta, na que aporte máis quen máis teña; e a retirada da ‘Lei Mordaza'».