Elvira Lama

Na localidade de Xinzo de Limia reclaman o mantemento de dúas enfermeiras de Pediatría e en Maceda unha mellora atención por parte da pediatra que consulta en horario de mañá.

A deputada provincial e voceira socialista en Xinzo, Elvira Lama, acompañada por varias veciñas da vila, da concelleira socialista Eva Oro, e da deputada autonómica Noela Blanco; presentaron no rexistro do complexo hospitalario ourensán máis de 1.800 sinaturas para reclamar que se manteñan as dúas enfermeiras no servizo de Pediatría de Xinzo, unha por cada pediatra que atende no centro e saúde.

Recentemente a dirección da Area de Xestión Integrada de Ourense tomou a decisión de reorganizar o centro de saúde de Xinzo de Limia, trasladando unhas das enfermeiras que prestaba servizo en Pediatría para cubrir aos médicos de familia, por xubilación dunha das profesionais desta área. Desde a Xerencia xustificaban o cambio para dar “unha axeitada e áxil resposta asistencial, en función das necesidades reais que marca a actividade diaria para, deste xeito, adecuar os efectivos á actividade, destinando máis efectivos ás funcións con maior volume de consultas e poboación”. E é que o centro de saúde de Xinzo de Limia atende a 10.493 usuarios con tarxeta sanitaria, dos cales un 25,6%, 2.696 usuarios, son maiores de 65 anos, e por tanto con maior risco de incidencia de polipatoloxía e cronicidade, e por tanto maior demanda asistencial, especialmente de enfermaría.

Por parte do grupo muncipal socialista, aseguran que continuarán na loita, “de forma belixerante ata que se restableza o servizo tal e como estaba”. Elvira Lama afirma que seguirán animando aos usuarios, pais e nais, “a que presenten reclamacións no centro ou outro tipo de accións no mesmo sentido, para que, en ningún caso, se esqueza esta xusta reclamación”. Ademais das sinaturas, os socialistas apóianse na moción aprobada no Concello de Xinzo o 29 de outubro na que se “instaba a Consellería a manter as dúas enfermeiras no mencionado Centro de Saúde”.

Maceda

Na mesma xornada, os integrantes da Plataforma Pediatría de Maceda fixeron entrega de máis de 900 sinaturas no CHUO coas que queren amosar a súa queixa polas “deficiencias da atención da pediatra que consulta polas mañás no centro de saúde da Maceda”. As 900 firmas representan un 20% da poboación correspondente a esta área de saúde. No seu escrito os integrantes desta plataforma solicitaron unha entrevista coa xerente, Eloína Núñez, e están pendentes de que os reciban en próximas datas.