A Concellaría de Igualdade contará, o domingo día 15, con Carme Adán, experta na materia, para participar nun acto de reflexión sobre o feminicidio.

 

 A Concellaría de Igualdade de Barbadás dentro do seu programa de “Tempos de mulleres” está a desenvolver durante o mes de novembro diferentes actuacións para avanzar na loita contra a violencia de xénero. Para a concelleira de Igualdade, Ánxela González Cid, un dos elementos centrais para poder abordar a violencia de xénero é “tomar conciencia de que a súa orixe está nas relacións históricas de desigualdade e de subordinación das mulleres, sendo a violencia de xénero a manifestación máis extrema desa situación”.

Coa finalidade de reflexionar, no mes no que se conmemora o día internacional contra a violencia de xénero, sobre os avances e debilidades dos mecanismos que existen para abordar a problemática e amparar ás vítimas é polo que se organiza esta charla-coloquio que terá lugar o domingo, días 15 de novembro, ás 19 horas, nos locais municipais do Parque da Solaina da Valenzá.

Nesta charla intervirá Carme Adán, experta en materias de igualdade, que foi secretaria Xeral de Igualdade entre 2005 e 2009, e responsábel da aprobación no ano 2007 da Lei galega de prevención da violencia de xénero, considerada no seu momento á vangarda na abordaxe da violencia.

Para Ánxela González, a presenza de Carme Adán permitirá debater sobre que estamos facendo ben e que non na loita contra a violencia, “despois de 10 anos de lei integral haberá que facer unha avaliación das súas carencias para mellorala e que de verdade sexa útil non só para protexer ás vítimas, senón para evitar que existan”.

Neste obxectivo é no que se enmarca o feito de que en Barbadás escollese para a charla deste domingo a introdución do termo feminicidio como un dos elementos centrais, “a linguaxe non é neutra, a linguaxe xurídica tampouco e por iso hai que empezar a avanzar en como lle chamamos ás cousas, se as vítimas fosen altos executivos do Ibex, seguro que usabamos palabras máis grosas para cualificar aos verdugos” engadiu a concelleira nacionalista.

Finalmente, insistiu na importancia deste tipo de actuacións “convido a todos e todas a que participen desta charla-coloquio, ninguén pode mirar para outro lado mentres e avanzar na igualdade e evitar que sigan matando mulleres só por selo, é cousa na que temos que implicarnos todos e todas” engadiu Ánxela González.