A iniciativa busca que os mozos e mozas galegos de entre 16 e 29 anos poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua ou un período de prácticas tras acabar a educación formal ou quedar desempregados.
A campaña informativa sobre o programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará a vindeira semana á provincia de Ourense con tres charlas informativas en Xinzo de Limia, Celanova e O Carballiño.
O luns 16 será o encontro en Xinzo, ás 16.30 horas na aula CeMIT da Casa da Cultura (rúa Curros Enríquez 17). E ás 19 horas, en Celanova, a sesión terá lugar tamén na aula CeMIT (Parque das Triguerizas, s/n). Xa o venres día 20 a aula CeMIT do Carballiño (Praza Maior, 1) acollerá ás 10 da mañá unha nova charla informativa sobre o plan. A actividade, dunha media hora de duración, está dirixida aos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos.
O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes inscritos no sistema poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.
Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.
Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.